Friday 03 de May de 2024

O Concello de Muxía plantexa o final de verán co ciclo Visita Muxía


Este compendio de visitas guiadas permitirán ás persoas asistentes descubrir os rincóns máis especiais do municipio.

O Concello de Muxía presentou hoxe a súa programación de visitas guiadas ‘Visita Muxía’ para poñer en valor o territorio de todo o municipio de cara ao mes de setembro, aínda que darán comezo este sábado, 29 de agosto. Para formalizar as inscricións, haberá que enviar un correo electrónico ao enderezo turismoconcellodemuxia@gmail.com ou chamar ao teléfono 981 74 23 65.
Ao acto acudiron o alcalde, Iago Toba; os tenentes de alcalde, Javier Romar e Olalla Benlloch, así como o persoal que integra a área de Turismo do Concello de Muxía.
Para esta serie de visitas guiadas, o aforo máximo será de 25 persoas, a cubrir por estrita orde de inscrición. Manteranse en todo momento os protocolos hixiénicos e sanitarios contra a COVID-19. A inauguración será, como comentabamos con anterioridade, este sábado co roteiro ‘A riqueza de Moraime’, ás 18:00 horas. Da man de Xan Fernández explorarase a riqueza do enclave histórico de San Xiao, declarado Ben de Interese Cultural. Ao remate do mesmo haberá un concerto do grupo Lulavai, coas arpas como protagonistas.
Os roteiros inaugurarán setembro o día 3 con ‘Lendas co solpor’ ás 20:00 horas. Este será un encontro especial nas pedras da Barca, xa que en compañía do solpor, falarase da historia do lugar. O día seguinte, o 4 de setembro, ‘A historia entre rúas’ comezará ás 18:00 horas. Percorreranse os lugares clave da historia da vila para poder narrala dun xeito máis interactivo, camiñando tanto por vestixios únicos
da arquitectura popular mariñeira como por espazos que algún día fixeron latexar estes lugares.
Os oficios locais protagonizarán a ruta do xoves 10 de setembro, que dará comezo ás 18:00 horas .O encaixe e o secado do congro, xunto coa pesca, foron os medios de subsistencia tradicional da Muxía de antes. Un día máis tarde, o venres 11 de setembro, ‘De pedra en pedra’ terá como hora de inicio as 18:00
horas. Neste roteiro que percorrerá case todo o litoral da vila, desde o paseo da Barca ata a Langosteira. Achegarase a toponimia das pedras e cabos locais, así como as palabras empregadas pola xente do mar no seu día a día que forman parte do patrimonio inmaterial que, cremos, é necesario revitalizar.
Para finalizar o programa ‘Visita Muxía’, o sábado 12 de setembro as persoas interesadas poderán subirse ao barco Eureka e percorrer este roteiro ‘Muxía desde o mar’. O horario aínda está sin confirmar, e os grupos serán de máximo 12 persoas. Poderanse observar enclaves únicos como a Punta da Barca, a Furna da Buserana ou as distintas praias de Muxía.
Desde o Concello, instan á veciñanza ‘a participar nunha actividade moi bonita, xa que coñeceremos pormenorizadamente os rincóns máis agochados do noso pobo.
Manteranse as medidas de seguridade, e levarase a cabo en espazos abertos, sempre e cando nos permita o tempo’ sinalan. Ademais, ‘decidimos impulsar estas rutas guiadas para rematar dun xeito diferente o verán, pero non por elo menos atractivo’, insisten.